Saturday 27 de April de 2024

Os nenos da Fraga encantada danlle vida a Galaicoi


“Nunca tanta xente dende a época antiga deuse cita no castro, xacemento, ainda sen excavar”
Os nenos da Escola Infantil A Fraga Encantada de Cambre xunto co edil de Cultura, Ramón Boga, e de varios concelleiros da Corporación, xuntáronse no Castro para darlle vida a I Romaría castrexo Romana “Galaicoi”. Ataviados con roupas antigas da época (século I A.C.) visitaron o castro, lugar principal do evento, para dar o pistoletazo de saída á festa que comezará mañá ás 18.00 horas. Boga destacou que “nunca tanta xente dende a época antiga deuse cita no castro, xacemento, ainda sen excavar”.

Deste xeito, o concelleiro sinala que un dos obxectivos do evento xa está cumprido. “Moitos cambreses non coñecen a historia do concello e a existencia tanto da vila romana coma do castro, xacementos de moitísima importancia histórica, polo que grazas á festa saberán que Cambre ten estes dous importantes xacementos”.

Por outra banda, Boga explicou as actividades que terán lugar esta fin de semana en Cambre. Mañá día 15 xunto coa apertura do mercado e da zona do castrum terá lugar o concerto de Susana Seivane no campo da feira.

Espéranse centos de persoas caracterizadas por todo o evento xa que as asociacións de Cambre, que colaboraron de forma activa dende hai meses, xa teñen a súa cabana no castro asiganda.

Tamén o venres terá lugar despois do concerto de folk a obra de teatro clásico “Asemblea de mulleres” pola compañía da Fundación Wenceslao Fernández Flórez no auditoiro de Cambre.

Obradoiros de pan e de escritura, pasarrúas, xogos antigos infantís, a festa dionisiaca, e un espectáculo de lume pecharán a xornada inaugural da Galaicoi.